Emocións, un camiño musical polas letras de M. Curros Enríquez

O obxectivo principal deste proxecto é resaltar o nexo entre a cultura e a vila de Celanova, empregando como elemento vertebrador a Banda de Música Municipal, unha institución histórica. A figura de Manuel Curros Enríquez, poeta celanovés, será o fío condutor na iniciativa.

IMG_1502.jpg

Visión do proxecto

A creación dunha composición musical para banda, coro e cantantes solistas acompañados dun narrador, gaita e baile galego constituirá o cumio das actividades planeadas. Esta obra, creada ex profeso para a súa estrea no presente proxecto, plasmará por medio da música as emocións contidas nos poemas de M. Curros, supoñendo unha expresión músico-literaria perdurable no tempo e ligada á cultura galega. Alén disto, preténdese sustentar o desenvolvemento da iniciativa sobre as asociacións e entidades locais, de xeito que se consiga unha unión sinérxica entre todos os colectivos da vila a través da integración. Por mor desta integración, acadarase unha implicación de todo o pobo dende unha visión multisectorial e transversal.

IMG_1502.jpg
IMG_1520.jpg
IMG_1520 1.jpg

Que poderei ver?

O acto principal do proxecto céntrase na estrea absoluta dunha composición musical elaborada ad hoc polo director e compositor local Manuel Alejandro López Pérez. Esta obra describirá de maneira sonora as emocións expresadas polo escritor M. Curros Enríquez nunha selección de poemas recollidos do poemario Aires da miña terra. Estes mostraranse cohesionados con textos do recoñecido escritor Baldo Ramos. Deste xeito, únense dende unha visión actual dúas manifestacións artísticas ligadas á historia de Celanova: a literatura e a música.

 

A formación escollida para a interpretación dos poemas musicados é a Banda de Música Municipal de Celanova e dous cantantes solistas (tenor e soprano), acompañados da Coral Polifónica Solpor e dun coro colaborativo con xente dos arredores, fomentando en todo momento a participación de colectivos da contorna. A maiores, algúns movementos da obra contarán coa participación da gaita galega con carácter solista (caso de “O gaiteiro de Penalta”) ou grupos de baile tradicional grazas á presenza do recoñecido grupo "Rebulir Cultura Tradicional".

 

As composicións permitirán ao espectador recorrer un arco da vella de emocións, dende o intimismo e tristeza contidos no poemas “Na morte da miña nai” e “Ai!” ata a ledicia de “Unha boda en Einibó”, pasando polo descubrimento de “A Virxe do Cristal” e as reivindicacións de “O Maio”. Todo este percorrido estará conducido por un narrador, que irá orientando ao espectador e guiándoo no transcurso do espectáculo.

A maiores de todo isto...

Se ben o acto principal consiste na estrea da obra musical nun enclave único de Celanova como é o Claustro Barroco, o enfoque do proxecto vai máis alá, contendo un conxunto de actividades complementarias para unha fin de semana cultural dirixida a todos vós, seguindo a liña temática da transmisión das emocións. Todo comezará no acto de apertura que terá lugar, como non podía ser doutra maneira, na Casa dos Poetas, onde se presentarán as pinceladas do que vai ocorrer durante as tres xornadas posteriores. A maiores, nos días seguintes desenvolveranse en paralelo actividades para os máis cativos, así coma conferencias e coloquios que contarán coa participación do compositor da obra musical e poñentes ligados ao estudo das Artes e a obra de M. Curros Enríquez.

As actividades lúdicas completarán a fin de semana, enfocando esta sección do proxecto. Por unha banda, poderás gozar dun concurso de pinchos nos establecementos hostaleiros da zona urbana, baseado en produtos típicos da gastronomía galega. Ademais, para baixar as calorías, terás a oportunidade de realizar unha andaina músico-literaria por tramos da Ruta Currosiana, que percorre lugares clave da literatura do noso protagonista. Esta andaina contará con paradas programadas nas que poderás escoitar pequenas pezas musicais e fragmentos de poemas inspirados nos lugares que estarás as ver.

IMG_1530.jpg