
Colaboradores
Neste apartado poderás ver todas as entidades que posibilitaron que o proxecto se poida desenvolver con éxito. Queremos darlle as grazas a todas elas, xa que sen a súa contribución isto non se tería feito realidade.
Xunta de Galicia
Proxecto financiado pola convocatoria "Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021. Segunda convocatoria" no marco do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Fundación Curros Enríquez
Institución que realiza unha labor encomiable a prol da literatura e a cultura de Celanova. Pilastre fundamental deste proxecto, actúa como organizadora de actividades de promoción turística e cultural a nivel nacional, contribuíndo de forma indiscutíbel a posicionar no mapa ese recuncho "Onde o mundo se chama Celanova".
Celanova CHEA
Asociación de Comerciantes, Hostaleiros, Empresarios e Asociados da vila de Celanova, da que forman parte máis de 120 establecementos e que conseguiu a denominación de Centro Comercial Aberto no ano 2020. Realiza multitude de actividades lúdicas e gastronómicas promocionando o comercio local como garantía de calidade.
Rebulir Cultura Tradicional
Asociación que busca a recuperación e difusión da cultura tradicional galega en tódolos seus ámbitos (baile, música, gastronomía, festas, etc.), poñéndoa en valor dun xeito accesíbel a todo o mundo, e devolvéndolle ao pobo o que é seu, para que deste xeito non se rompan os ciclos interxeracionais que a fixeron chegar ata os nosos días.
Coral Polifónica Solpor
Fundada no ano 1979 polos irmáns sacerdotes Manuel e César Iglesias Grande, esta agrupación de máis de 40 anos de historia dirixida na actualidade por Mery Alonso Iglesias conta con coralistas da vila de Celanova e arredores que contribuen activamente á conservación e difusión da música coral.
Coro parroquial "Iuvenes e Pueris cantores"
Fundado por D. Manuel Iglesias Grande no ano 1982, a súa labor é amenizar as misas dominicais das 11:00 h en Celanova. É un coro no que poden participar todos os mozos unha vez realicen a primeira comuñón. Non só limitan a actividade a Celanova, senon que tamén son contratados para realizar bodas, bautizos, comuñóns e outras festividades da provincia, ademáis de participar en diferentes concursos.
Coral de A Bola
Fundada durante o ano 2003, deu o seu primeiro concerto o 6 xaneiro de 2004 na igrexa de San Munio de Veiga (A Bola). Na actualidade, esta agrupación conta con un número aproximado de vinte compoñentes veciños do Concello da Bola e arredores e está dirixida por Benito Villar Fernández.